Que é?

A Xunta Arbitral de Transportes de Galicia é un órgano extraxudicial de resolución de conflitos xurdidos durante a execución de contratos de transporte. Así, presentando unha reclamación ante este órgano, ponse en marcha un procedemento arbitral ao que son chamadas as dúas partes, que expoñen as súas posicións, e finalmente a Xunta Arbitral decide a través dun laudo arbitral, que ten un valor equivalente ao dunha sentenza xudicial.

Poden empregar esta vía tanto as persoas consumidoras e usuarias como os profesionais, para reclamar, por exemplo:

  • Impagamento de servizos de transporte
  • Danos ou perdas ocasionados a equipaxes durante un servizo de transporte público
  • Danos ou perdas de vultos en servizos de paquetería
  • Cobros excesivos en servizos de transporte público de viaxeiros/as ou en servizos de aluguer de vehículos sen condutor
  • etc.

Consulte a pestana de preguntas máis frecuentes para obter maior información. Se non a atopa alí pode solicitala nos teléfonos 981 544565 ou 881 995076 ou no enderezo electrónico arbitraxe.transportes@xunta.gal

Preguntas máis frecuentes

Quen pode acudir á Xunta Arbitral de Transportes?

Todos aqueles particulares ou empresas que contratasen un servizo de transporte, ben para efectuar un desprazamento, ben para remitir unha mercadoría, producíndose incidencias na prestación do transporte que supoñan un quebranto económico para algunha das partes.

Así mesmo, tamén as empresas de transporte poden acudir á Xunta Arbitral cando outra empresa coa que subscribiu un contrato de transporte non cumpra coas obrigas que derivan deste, sendo o exemplo máis típico o impagamento do prezo do transporte unha vez realizado o servizo.